In Memorian Bibliografía


LUIS_FREIRE_FOTO.png




Luis Freire Garcia

A Coruña / Vigo


Luis Freire García, como xa predeterminaban as letras do seu nome, durante toda a vida foi un home Libre, Único, Intelixente e Sabio. Exerceu de practicante, naturalista, humanista, investigador, divulgador científico e, sobre todo, mestre.

Fillo de Ramón Freire e Justa García, naceu na Coruña o 8 de abril de 1914, cidade na que tamén vivían os avós paternos, Juan, traballador de «La Voz de Galicia», e Bruna. Tivo 5 irmáns por parte de nai, 3 fillos do primeiro matrimonio, Octavio, Dolores e Carmen, e dous do segundo, co seu pai, Óscar e Carlos.

En 1917 a familia trasladóuse a Vilalba (Lugo) para vivir cos avós maternos, José e Carmen, ata 1925. Comezou a estudar nunha pequena escola particular, que compartiu durante algún tempo con Manuel Fraga Iribarne. Aquela mestra marcou tanto a súa forma posterior de aprender como de ensinar. De feito, durante toda a vida púxoa como exemplo de muller discreta, educada, honrada e magnífica docente.

Naquela época o sustento familiar procedía da pequena perruquería que rexentara o primeiro marido da súa nai, na que traballaban o irmán máis vello, Octavio, e o pai. Ao vender este o negocio e abandonar a familia, nai e fillos retornaron á Coruña.

Con só 11 anos, Luis Freire comezou a traballar como dependente nun comercio de bixutería na rúa Real; aínda que, coa axuda da súa irmá Carmen, ao pouco tempo colocouse como «mozo dos recados» do Dr. Enrique Flórez del Cueto; quen, ao ver a viveza do rapaz, convenceuno, e axudouno, para estudar o Bacharelato, o que fixo por libre.

En pouco tempo confirmaronse as capacidades que intuíra ou seu xefe, tanto a intelectual como a de multiplicar as horas que tiña o día. Así, entre 1927 e 1929 (dous anos), axudado pola biblioteca de Germinal e polos libros prestados por D. Enrique, aprobou os 4 cursos do Bacharelato Elemental no Instituto Eusebio da Guarda. Esta actividade era compaxinada co traballo na casa do médico e, a petición do irmán Octavio, dando clases de alfabetización a obreiros nese centro da CNT.

 

No ano académico 1930-1931, Luis Freire aprobou os 2 cursos de Practicante, chegando a ser un dos titulados máis xoves de España nesta especialidade. E, ao ano seguinte, decidiu acabar os 2 cursos restantes do Bacharelato Superior. Era 1932 e o seu lema parecía continuar no «2 en 1».

A complicada situación económica da familia levouno a non matricular medicina na Universidade de Santiago como era o seu desexo; ademais, aínda non cumprira o servizo militar obrigatorio. Solicitou para facelo como Alférez de Complemento co fin de permanecer na Coruña e poder pernoctar na casa da nai. Aceptaron ambas solicitudes e asignárono ao Cuartel de Artillería.

 

No ano 1935 foi invitado a participar, como axudante en entomoloxía e practicante, na Expedición ao Amazonas dirixida polo capitán coruñés Francisco Iglesias Brage. Ante a situación político - social da II República, a viaxe foi aprazada. No 1936 ao estalar a Guerra Civil suspendeuse «sine die» e o buque Ártabro foi reconvertido para a Armada, pasando a chamarse Juan de la Cosa ata que se deu de baixa en 1975.

Nos primeiros meses da contenda civil, seu irmán Octavio (alias Villalba) foi denunciado, detido e «paseado» (Fernández, 1983) e, durante bastante tempo, toda a familia sinalada como «roxa» viuse sometida a frecuentes rexistros domiciliarios.

Estes episodios influíron na vida de Luis Freire ata tal punto que, aos poucos días de ser chamado para incorporarse como oficial ao fronte de Asturias (1936), foi «invitado» a deixar o cuartel, segundo o informou un capitán amigo, porque fora denunciado por un ex-seminarista que lle dera clases particulares de latín, e porque os «antecedentes familiares» así o aconsellaban. A partir daquel momento, o propio Luis foi directamente ameazado en varias ocasións por membros da Falanxe.

Como é de supoñer, estes feitos marcaron para sempre a súa filosofía de vida (vivir intensamente cada día) e as tendencias políticas (esquerdas, próximas ao anarquismo) e relixiosas (ateo).

Casou en 1938 con Josefa Mallo Zas, Pepucha, coa que tivo 4 fillos: Margarita, Alberto, César e Miguel Ángel, que lle deron 8 netos: Jacobo, Marta, Fernando, Luis Alberto, Pablo, Míriam, César e Jorge. O matrimonio, xunto coa nai da súa muller, Juana Zas Ares, Tatita, alugaron un baixo na rúa Antonio Lens (logo Cabo Santiago Gómez), que conservou como domicilio ata a o final.

 

Ante a imposibilidade de ir á universidade, intentou satisfacer as súas inquedanzas culturais asistindo a cantas reunións lle permitía o traballo. Compartiu coa «flor e nata» dos intelectuais da Coruña inquietudes e coñecementos, tan diversas unhas como diferentes os outros: Miguel González-Garcés, Isaac Díaz Pardo, Pucho Ortiz, Fermín Bescansa ou Evaristo Cuena, entre outros.

Relación especial foi a establecida con Luis Monteagudo e José Landrove. Formaban un orixinal trío, compartindo innumerables horas de conversación e viaxes pola xeografía ibérica, en busca de inscricións, cascos, plantas raras, topónimos, lápidas antigas, etc. etc., case sempre no Seat 600, a «burra», propiedade de Landrove, perfectamente adaptado para estas correrías.

O interese de Luis Freire polo estudo do mundo natural data da primeira xuventude, a iso se debeu a invitación para participar como entomólogo na expedición amazónica de 1935. Afición que foi compartida durante largos anos con Julio Andrade Malde, ampliada polo estudo de cunchas do litoral galego, axudado nas recoleccións por Francisco Sánchez, que cando emigrou a Florida enviaballe magníficos exemplares daquelas costas (Freire García, 1994).

Sen embargo, foi ao principio da década dos 50, tutelado polo profesor D. Fermín Bescansa, catedrático do Instituto Eusebio da Guarda, cando se introduciu no estudo microscópico, primeiro das algas mariñas, e despois, a partir de 1951, dos cogomelos, a gran paixón dos últimos anos. Aínda hoxe resultan interesantes e útiles as innumerables anotacións corolóxicas, fenolóxicas e autoecolóxicas das especies recollidas e identificadas naquelas datas.

 

Exerceu a profesión libremente (autónomo) como practicante e deu clases particulares de todas as materias posibles, desde latín e grego a trigonometría esférica. E de feito, participou como profesor na primeira academia que se instalou na Coruña para preparar aspirantes á Escola de Náutica, xunto con Federico Yuste (un antigo alumno seu), que posteriormente decidiu entrar na Escola e alcanzou o grao de Capitán da Marina Mercante.

Desde moi novo Luis Freire coidou tanto a súa mente como a súa forma física. Todos os que o coñecimos sabemos da debilidade polos encrucillados e as sopas de letras, canto maiores e máis difíciles, mellor. E, xa nos anos ’20, cando aínda non se popularizara o «footing», participou no primeiro maratón que se celebrou na Coruña; proba que preparou con algúns amigos como Antonio Ferreriro ou os irmáns da [fábrica da] lixivia, especialmente o pequeno Fran, fusilado aos 16 anos durante a guerra civil (Fernández, 1983).

 

Moitos anos máis tarde, o seu traxe gris claro, de liño, acompañado unicamente por un xersei branco e unhas zapatillas de deporte eran coñecidos tanto polas persoas do rural da Coruña como de Santiago. E, os baños de domingo, verán e inverno, na praia de Santa Cristina, logo de ir correndo desde a súa casa ata a praia e viceversa, eran imperdoables; camiño que durante un tempo fixo acompañado do seu inesquecible fox-terrier, o Bugui. Este amor polo mar en inverno continuou ata decembro de 1996.

No ano 1970, faleceu Pepucha. Luis Freire perdeu inesperadamente a nai dos seus fillos, a inseparable e amada compañeira... A falta da persoa que organizaba os seus horarios e a dor que lle provocaba vivir na casa antes compartida con ela, fíxose insoportable.

Os fillos estaban independizados, así que con 57 anos decide cursar estudos universitarios en Santiago, aínda que cada fin de semana regresaba á Coruña para visitar amigos e sogra. Non opta por medicina como era de esperar sendo practicante, senón pola licenciatura en Ciencias Biolóxicas.

Foi un universitario orixinal e non só pola súa idade. Como xa impartira clases particulares de matemáticas, física, química e botánica a alumnos de bacharelato e universidade, no primeiro ano da facultade durante o período de reivindicacións universitarias, con folgas incluídas, dirixiu e colaborou con algúns compañeiros na formación de grupos de traballo, para preparar a materia non explicada polos profesores e así evitar perder o curso.

 

Como correspondía á súa idade, intelixencia e coñecementos destacou como bon estudante, responsable e traballador. De feito, a ningún dos coñecidos lles sorprendeu que aprobara, con boas cualificacións, os 5 cursos en 4 anos e que obtivera o título de Licenciado en 1975 e non en 1976 como lle correspondía. Aínda así, alardeaba de ter suspendido Química de 1º curso en xuño, e de aprobala en segunda convocatoria, despois de interminables discusións co xoven profesor axudante, Sergio Casas.

Tamén en 1975, obtivo o Grado de Licenciatura coa Tese «Macromycetes del monte Pedroso», dirixida polo profesor Dr. Ernesto Vieitez Cortizo e codirixida polo Dr. José María Losa Quintana.

A principios de 1978 foi contratado como Profesor Agregado de Botánica (PNN) da Facultade de Bioloxía na Universidade de Santiago, co fin de substituír á profesora Dra. Lucía Luca de Tena, que deixou o cargo a finais de 1977. Xeneroso co seu tempo e o seu saber, durante esta etapa como profesor nas materias Ampliación de Criptogamia e Fanerogamia (4º e 5º de Licenciatura) decidiu «por motu propio» ampliar, durante todo o curso, a 4 as horas prácticas/materia/semana e reducir a 2 as teóricas.

As materias, cualificábanse mediante un exame práctico e un herbario con máis de 150 especies. Non facía exames teóricos, xa que Luis Freire pensaba que como a imprenta xa fora inventada no século XV e os libros tiñan índice, non era necesario memorizar moitos conceptos, só era importante entendelos e saber aplicalos. Un mestre adiantado ao seu tempo! Obsérvese que aínda non se coñecía internet, nin aparecera Bolonia!

Esta etapa de profesor (1978-1980) foi a única na que estivo «minimamente integrado» no sistema laboral e tributario oficial. Claro que ese período de cotización tan corto no alcanzou para poder cobrar xubilación algunha.

Ao continuar, como colaborador non remunerado, no departamento de Botánica da Facultade de Farmacia, foi nomeado polo Reitor Dr. José María Suárez Núñez, e revalidado polo Dr. Carlos Pallares Vales ata 1984, como director da Residencia Universitaria Burgo das Nacións, na que xa se hospedaba desde 1975.

A partir de 1981 comezou a convivir coa súa discípula Marisa Castro, con quen formou o primeiro equipo de investigación micolóxica naquel departamento, e da que foi mestre, amigo e compañeiro ata o final dos seus días.

 

Luis Freire defendeu a Tese de Doutoramento en 1981, co traballo «Macromycetes de la Selva Negra (Santiago)», dirixido polo profesor Dr. José María Losa Quintana (catedrático da Facultade de Farmacia), que xa desde 1979 exercía como docente e investigador na Universidade de León. Nesta tese realizaronse os primeiros estudos de micosocioloxía en Europa.

Toda esa actividade estudantil e investigadora foi acompañada por reunións nas que participaban intelectuais, humanistas e científicos da cidade de Santiago. A maior parte dos compañeiros de conversa estaban relacionados con etnografía, lingüística, historia e antropoloxía, porque el manexábase perfectamente co latín e o grego clásicos (Castro, 1998). Neste grupo habitual destacan, entre outros, Isidoro Millán, José Luis Pensado, Luis Monteagudo, Fernando Alonso Romero, Alfredo Erias, José Carro, Uxío Novoneira ou Luis Cabo Rey, co que compartía tamén a paixón pela micoloxía.

No 1982, presentou con Marisa Castro o primeiro libro de divulgación micolóxica, escrito en galego, con algo máis de 50 especies, comestibles e tóxicas, 54 receitas de cociña e moitas ideas innovadoras sobre clasificación, etnomicoloxía e toxicoloxía de cogomelos. Pese a ser a primeira obra de divulgación, Luis Freire xa publicara varios traballos científicos xunto co director de tese, entre eles unha especie nova: Psathyrella ascariensis (Castro, 1998).

 

Ao non ter vínculo laboral coa Facultade de Farmacia, e debido á popularidade alcanzada nos medios sociais coa publicación da «Guía das setas ou cogumelos de Galicia», tivo certas discrepancias co catedrático de Botánica recén chegado a Santiago, Jesús Izco. A finais de 1982, foi «invitado» a abandonar as dependencias que ocupaba nesa Facultade, o que fixo conxuntamente cos outros membros do seu grupo de traballo.

Sen embargo, conservou vivas e potenciou as actividades investigadoras e divulgativas en botánica e micolóxica, reforzando a relación con investigadores destacadas como Francisco de Diego Calonge (Calonge, 1998), Gabriel Moreno, Gastón Guzmán, Santiago Castroviejo, Enrique Valdés-Bermejo, Antonio Rigueiro, Francisco F.A. Magán, F. Javier Silva Pando ou Xosé Ramón García, entre outros. En 1989, publicou a primeira guía de árbores autóctonas e ornamentais de Galicia con Marisa Castro e Antonio Prunell (Castro, 1998).

 

Luis Freire continuou vivindo entre Santiago e A Coruña ata 1990. Durante ese tempo impartiu clases prácticas de Botánica (particulares), dirixidas a alumnos das facultades de Farmacia e Bioloxía de Santiago e numerosas, máis de 200, conferencias divulgativas sobre setas e plantas silvestres por todo o norte peninsular.

Tamén participou como profesor nos cursos de Ecoloxía Marina e Terrestre, organizados por INICE (Instituto de Investigaciones Científicas e Ecológicas) no Albergue Xuvenil de Gandarío, coordinados polo seu compañeiro e amigo, Andrés Lamas, celebrados durante as vacacións de Semana Santa e de verán, e nos que tamén participou Federico Yuste desde a súa xubilación ata o prematuro falecemento. En 1994 INICE concedeulle a insignia de ouro.

 

A entrañable relación que estableceu co director dese Albergue, Luis Felipe Mouriño, e con algúns dos colaboradores habituais como Andrés Lamas, Pepe Díaz Hidalgo, Rafa Blanco ou Juan Ruiz Barrionuevo, entre outras persoas do «entorno afectivo de Gandarío», levouno, en 1994, a depositar a súa colección de cunchas nese Albergue (Freire García, 1994) para aprendizaxe e goce dos participantes nas actividades desas instalacións e, a aula - laboratorio inaugurada nese ano foi bautizada co nome de «Aula Luis Freire».

A micoteca, que compartía con Marisa Castro, xa fora entregada en 1989 á sección de Micoloxía e Fitopatoloxía do Centro Forestal de Lourizán (SIAM), naquel momento dirixida por Francisco Fernández de Ana Magán (hoxe está incorporada ao herbario xeral como LOU-Fungi baixo a tutela de F. Javier Silva Pando).

 

O Doutor Luis Freire ao final da súa vida tiña dirixido 10 Tese de Licenciatura sobre ecoloxía, plantas e fungos do territorio galego e 2 de Doutoramento referidas a macromicetos (cogomelos); describira 3 novas especies de cogomelos: Psathyrella ascarioides (1977), Amanita porrinensis (1987) e Gyroporus ammophilus (1989, 1995) e participara como coautor en 19 libros de divulgación, máis de 40 artigos científicos e divulgativos e 41 ponencias en congresos científicos (Castro, 1998).

Ademais, foi un estudoso e experto coñecedor da obra de Frei Martín Sarmiento. De feito, as continuas e discretas investigacións lingüísticas permitíronlle recompilar algo máis de 1.000 nomes galegos de plantas, coa súa correspondencia científica (traballo que quedou inédito).

Este home, renacentista no século XX, coa súa capacidade de comunicación oral e escrita, así como os amplos e variados coñecementos, foi un extraordinario divulgador científico. Participou con Ramón Núñez Centella na defensa do Palacete de Santa Margarida para transformalo en planetario e Casa das Ciencias, obra da que se sentía particularmente orgulloso. Posteriormente foi socio fundador da Asociación de Amigos desta institución (AACC), que no seu 80 aniversario lle concedeu a insignia de ouro.

Tamén participou activamente no movemento ecoloxista/naturalista galego, xa que foi socio fundador da Sociedade Galega de Historia Natural (Presidente desde 1980 a 1986), do Grupo Micolóxico Galego (Presidente desde 1993 ata 1997) e do Grupo Botánico Galego, entre outros.

 

A partir de 1990 viviu entre A Coruña, Santiago e Vigo, onde residía Marisa Castro, profesora na Universidade de Vigo, coa que seguiu colaborando en tarefas de investigación e codirección de Teses ata o seu falecemento.

Sempre foi un home sinxelo, humilde, comprometido, íntegro e consecuente, tanto ideolóxica como moralmente como se pode ver no fragmento dunha carta que, con motivo do seu 80 aniversario, escribiu a Paco Pérez Caramés, naquel momento xerente das bodegas bercianas Casar de Valdaiga e, como el, home culto, bo camiñante e animoso botánico, cando este lle preguntou como facía para conseguir estar en tan boa forma física aos seus anos:

«É unha cousa rara o tempo que transcorre, a idade que ao pasar nos da angustia de futuro. Pero, o máis tráxico do tempo é o seu curso irreversible, fatal. Por iso quixera transcribirche unhas cortas frases que pronunciei na cea [de homenaxe -aniversario] co fin de despoxar a todo o mundo do inexorable do curso temporal.

O tempo pasado xa non existe, só queda o seu recordo depositado na memoria. O futuro aínda non chegou e tampouco é real, é só unha esperanza. En canto ao presente, pódese seccionar en partes cada vez menos duradeiras. Se supoñemos unha hora actual e a dividimos en minutos, algúns deles xa pasaron, outros están por chegar. Situémonos nun minuto do presente. Deste minuto algúns segundos transcorreron, os demais escóndense no futuro. Pero este segundo pódese dividir en décimas, centésimas, milésimas, … É dicir, o presente pulverízasenos en pó de tempo, na nada. Polo tanto, o tempo non ten existencia real e si é así, todos carecemos de idade. Todos somos recen nacidos!

Preguntas, qué é o que fixen para chegar a esta idade que non teño, en tan boas condicións? Direiche primeiro o que non fixen. Non quixen abusar de excitantes ou narcóticos, a vida é suficientemente excitante e a noite pódenos ofrecer lindos soños.

 

E nunca me considerei dobre, como formado de corpo e alma. Tan importante é a natureza física como a mental. Sempre me considerei compañeiro e amigo dos demais. Por iso procurei axudalos no terreo e nas posibilidades que estiveron ao meu alcance. Todo o que sabemos é herdado doutros compañeiros, que viviron antes e por iso nós recibímolo en depósito e debemos de compartilo cos demais.

Si prestamos un servizo aos outros, con seguridade o devolverán con creces, porque o agradecemento aumenta a importancia dos beneficios. Pero ademais, ao actuar así na vida dáme a sensación de ser algo, a pesar da miña finitude e pouca importancia. Por iso, cando vexo algunha persoa que fai mal a outras ou as explota, non creo tanto na súa maldade como na súa invencible ignorancia e estupidez.

En suma, cando descanse da miña carreira vital, non espero que algún vaia bailar sobre os meus osos cheo de alegría; pero… si é así, tampouco llo reprocharei» (en castelán no orixinal, tradución da autora).

Luis Freire faleceu, rodeado por discípulos e amigos, en Vigo o 13 de decembro de 1997 e foi soterrado no cemiterio de S. Amaro (A Coruña).

Os gobernos municipais de Santiago de Compostela e A Coruña dedicaronlle unha rúa en cadansúa cidade e duas especies de cogomelos levan o seu nome: Agaricus freirei J.B. Blanco-Dios e Cystoderma freirei A. Justo e M.L. Castro. Tamén o levan os Premios de Investigación «Luis Freire» (convocados anualmente pola Casa das Ciencias da Coruña) e a Xuntanza «Luis Freire» de Medioambiente e Xuventude (organizada por INICE), ambos casos dirixidos a xoves investigadores.

[As datas e informacións referidas a persoas que figuran ata 1980 nesta breve biografía foron aportadas directamente por Luis Freire (comunicación persoal) para a elaboración da sinopse biográfica presentada durante a inauguración da Exposición de Cunchas no Albergue Xuvenil de Gandarío].

 

CASTRO, M.L.

Luis Freire: Un home do renacemento no século XX. Mykes 17:87-101